Friday 10 de May de 2024

A XVI Festa da Merenda de Aiazo (Frades) repartirá de balde máis dun milleiro de tortillas de masa este domingo 2 de abril


A degustación comezará ás 12:00 horas e pola tarde haberá verbena coa orquestra París de Noia e o grupo Unión y Fuerza

A área recreativa Os Pasos, na parroquia de Aiazo (Frades), acollerá este domingo 2 de abril a edición número dezaseis da Festa da Merenda, que organiza a asociación de veciños “Os Pasos” en colaboración co Concello de Frades. Unha festa que dará comezo ás 12:00 horas, coa degustación gratuíta das merendas elaboradas baixo unha carpa pechada e que rematará ben entrada a noite coa verbena a cargo da orquestra París de Noia e o grupo Unión y Fuerza.

Unhas 25 cociñeiras comezarán a preparar as tortillas de masa a partir do mediodía, que se poderán degustar gratuitamente na carpa ou comprar para levar en caixas de pizza (unha por 3 euros, dúas por 5 euros). A base das merendas é común para todas (ovos, auga e fariña), pero despois cada cociñeira daralle o seu toque persoal tanto polo grosor da tortilla, o seu tempo de cociñado ou por se as acompaña ou non de torriscos (láminas de touciño de porco).

Durante a mañá amenizarán a festa a Charanga BB+ e o Grupo Barceló. A organización facilitará varias zonas de aparcamento na contorna do campo da festa, xa que o acceso de automóbiles á área recreativa só estará permitido para carga e descarga ata as 12:00 horas. Aínda que as previsións meteorolóxicas para o domingo auguran unha xornada soleada, a preocupación está nas choivas caídas esta semana e, sobre todo, o que poida chover ao longo de hoxe venres de cara a que as zonas de aparcamento non se enchan de lama e que a zona de acampada poida estar seca cara a festa.

A Festa da Merenda naceu para lembrar estas tortillas de masa, que foron moi utilizadas na comarca de Ordes en tempos de necesidade. Unha iniciativa que buscaba lembrar ás novas xeracións a importancia que este alimento tivo noutrora e que rematou converténdose nunha das citas gastronómicas máis agardada da comarca. Comezou como festa nocturna para converterse nunha xornada gastronómica que cada ano reúne a milleiros de persoas.